A pedra morta macho

“Vilar deu a volta na cama. Mentres os seus ollos movíanse dun lado para o outro baixo das pálpebras, soñaba que tiña un mal día. Soñaba que tentaba durmir e non facía máis que dar voltas. Soñaba que se erguía cansado e todo eran cambadelas. As cousas polo medio, o can e o gato entre as pernas, o café no calzón, a auga da ducha moi fría, calor en novembro, una pedra do raio nos zocos, unha bandada de pegas cagonas, miradas que escarallan, vehemencias coloniais, ostracismos cotiáns e un sinfín de despropósitos que a súa cabeza sincronizou como mensaxería microcósmica. Soñou que se sentía só rodeado de xente e acompañado sen ninguén arredor. Soñou que esperaba respostas, tentativas de respostas máis ben, e que unha madalena medraba e medraba ata convertirse nun monstruo que o perseguía. Sudaba Vilar no leito e no soño cando a monstruosa madalena coa cara dun bigotudo Proust post-adolescente afogaba nos regatos formados pola súa suor. O ouvido esquerdo de Vilar empezou a zoar cun zunzún xordo. Rodou tras perder o equilibrio ata despeñarse por un buraco negro de considerables dimensións. E caeu. E caeu. E caeu. E caendo atopouse ao pequeno Isaac, que murmurou algo ao seu embigo. Aínda pasou un rato ata que puido ver a pedra. Pouco a pouco se foi achegando, como a cámara lenta e, no momento previsible da colisión, o corazón do vello xefe deixou de bategar, fatigado por tantos anos de traxín e maldicer.”

do “Pulpeira 24h. Cacicazgo emocional e emocións caciquiles” de U. Mar Bobadela.

Anuncios

Los comentarios están cerrados.

A %d blogueros les gusta esto: